Bases
266
page-template,page-template-full_width,page-template-full_width-php,page,page-id-266,bridge-core-1.0.6,ajax_fade,page_not_loaded,, vertical_menu_transparency vertical_menu_transparency_on,qode-title-hidden,footer_responsive_adv,qode-content-sidebar-responsive,transparent_content,qode-child-theme-ver-1.0.0,qode-theme-ver-18.2,qode-theme-bridge,disabled_footer_bottom,wpb-js-composer js-comp-ver-6.0.5,vc_responsive

BASES REGULADORAS DOS PREMIOS DA
“GALA DO DEPORTE DE ARTEIXO 2019”

O deporte é un fenómeno universal que cobra cada vez máis relevancia na nosa sociedade ao que se lle atribúen unha serie de cualidades que o fan unha ferramenta indispensable na consecución de diferentes obxectivos de índole diversa en campos como a saúde, a educación, ou a socialización, entre outras.

Desde o Concello de Arteixo, conscientes da enorme importancia deste fenómeno, faise un esforzo importante en políticas deportivas e no desenvolvemento de distintos programas, para achegar a toda a cidadanía á práctica da actividade física e o deporte. Froito de todo este traballo o tecido asociativo deportivo local medra ano tras ano para dar resposta ás inquedanzas e demandas da veciñanza, complementando os servizos de utilidade pública e interese social que debe prestar o Concello dentro das súas competencias.

Tratando de resaltar e valorar a labor deportiva dos nosos organismos, institucións públicas, entidades privadas e persoas que dalgún xeito contribuíron de forma notoria a engrandecer e ampliar a práctica deportiva da nosa localidade, celébrase esta Gala do Deporte de Arteixo 2019.

A Gala do Deporte de Arteixo quere reunir ás persoas e entidades do deporte da nosa vila ao redor dun día de festa. Por iso, convócanse estes premios entre os deportistas e persoas relacionadas co mundo do deporte en Arteixo, cunha traxectoria deportiva relevante, tratando de resaltar a labor deportiva e o traballo realizado de todos os que dalgún xeito fan do deporte o centro das súas vidas.

Para poñer en valor o traballo e a dedicación destes colectivos así como dos deportistas, establécense diferentes categorías de premios aos que poden optar tanto as persoas físicas, clubs deportivos e entidades do municipio que cumpran os requisitos establecidos para cada unha delas.

Esta convocatoria é realizada pola Concellería de Deportes do Concello de Arteixo e valoraranse os logros e méritos conseguidos na tempada 2018/2019.

ARTIGO 1. – OBXECTO

O obxectivo principal deste acto é recoñecer publicamente o esforzo, a dedicación, a entrega e en definitiva os valores que a través do deporte transmiten as nosas entidades e os nosos deportistas, así como que estes sirvan de reflexo para incentivar aos/ as máis pequenos/pequenas e á poboación en xeral para a práctica do deporte.

O deporte é unha actividade moi sacrifricada pero moi gratificante e saúdable, tomando consciencia do esforzo que se fai día a día para mellorar e sacar o mellor de cada un. Por medio desta gala búscase a maneira de vivir un día inesquecible cheo de sorpresas, premios e sobre todo de celebración e diversión.

 ARTIGO 2.- CANDIDATOS/AS

Serán candidatos a estes premios:

  • ENTIDADES: Estas poden ser clubs deportivos, asociacións, entidades privadas
  • DEPORTISTAS: deportistas empadroados en Arteixo independentemente da categoría e da modalidade (idade escolar, absoluta, veteranos…)

Calquera entidade, club, persoa, institución ou asociación, poderá  propoñer  unha ou varias persoas para que sexa recoñecida a súa labor. Sexa pola súa traxectoria deportiva, directiva, ou polo seu apoio ao deporte en xeral desde calquera ámbito de actuación, sempre que cumpran as condicións establecidas.

Así mesmo, o xurado poderá propoñer candidatos en cada unha das categorías descritas nas presentes bases, así como crear novas categorías ou mencións.

ARTIGO 3.- PREMIOS

  1. PREMIO Á MELLOR DEPORTISTA FEMENINA (categoría base): Poderán presentarse a esta convocatoria aquelas deportistas, de deporte individual ou equipo feminino base (entendendo como categoría base todas aquelas categorías inferiores á categoría absoluta), que se distinguiron durante a tempada 2018/2019 pola súa progresión e actuación deportiva-competitiva, destacando polos seus logros, éxitos e triunfos deportivos.
  2. PREMIO AO MELLOR DEPORTISTA MASCULINO (categoría base): Poderán concorrer a esta convocatoria aqueles deportistas, de deporte individual ou equipo masculino base, que se distinguiron durante a tempada 2018/2019 pola súa progresión e actuación deportiva-competitiva, destacando polos seus logros, éxitos e triunfos deportivos.
  3. PREMIO Á MELLOR DEPORTISTA FEMENINA (categoría absoluta). Poderán presentarse á convocatoria todas aquelas deportistas que a título individual, destacasen polos seus logros, éxitos ou triunfos deportivos na localidade.
  4. PREMIO AO MELLOR DEPORTISTA MASCULINO (categoría absoluta): Poderán concorrer á convocatoria do premio, todos aqueles deportistas e que a título individual destacasen polos seus logros, éxitos ou triunfos deportivos.
  5. PREMIO AO MELLOR EQUIPO FEMENINO (categoría base): Poderán presentarse a esta convocatoria aquel equipo feminino base, que se distinguiu durante a tempada 2018/2019 pola súa progresión e actuación deportiva – competitiva, destacando polos seus logros, éxitos e triunfos deportivos.
  6. PREMIO AO MELLOR EQUIPO MASCULINO (categoría base): Poderán concorrer a esta convocatoria aquel equipo masculino escolar, que se distinguiu durante a tempada 2018/2019 pola súa progresión e actuación deportiva – competitiva, destacando polos seus logros, éxitos e triunfos deportivos.
  7. PREMIO AO MELLOR EQUIPO FEMENINO (categoría absoluta) Poderán presentarse á convocatoria do premio, aquel equipo feminino destacado dentro dos Clubs ou Asociacións deportivas existentes no municipio que acumule os maiores méritos deportivos (mellores resultados, promocións, ascensos, vitorias máis relevantes ou notorias, mellor traxectoria, etc.), en definitiva ao equipo que durante a tempada 2018/2019 tivese a traxectoria máis destacada en competición oficial.
  8. PREMIO AO MELLOR EQUIPO MASCULINO (categoría absoluta): Poderán presentarse á convocatoria do premio, aquel equipo masculino destacado dentro dos Clubs ou Asociacións deportivas existentes no municipio que acumule os maiores méritos deportivos (mellores resultados, promocións, ascensos, vitorias máis relevantes ou notorias, mellor traxectoria, etc.), en definitiva ao equipo que durante a tempada 2018/2019 tivese a traxectoria máis destacada en competición oficial.
  9. PREMIO AO/Á MELLOR ADESTRADOR/ADESTRADORA OU TÉCNICO/A: Poderán concorrer á convocatoria desta categoría todos/ as aqueles/ as adestradores/ as ou técnicos/as do municipio (naturais, empadroados, vinculados ou que vivan habitualmente en Arteixo) e que practiquen a súa disciplina deportiva en Arteixo ou noutras localidades.
  10. PREMIO Á MELLOR ENTIDADE DEPORTIVA: Nesta categoría valoraranse aqueles clubs ou entidades deportivas que cumpran as seguintes condicións:
    • Que desenvolvan a súa valor deportiva no municipio e que estean legalmente constituídos e rexistrados no Rexistro de Entidades do Concello de Arteixo.
    • Que realizasen labores de competición, promoción e divulgación deportiva.
    • Que destacasen no 2018/2019 non só polos seus méritos deportivos, senón tamén polas súas capacidades e dotes organizativas de eventos.
  1. PREMIO AO DEPORTISTA MÁIS QUERIDO: As persoas candidatas nesta categoría serán todas aquelas deportistas tanto masculina como feminina que a título individual destacasen polos seus logros, éxitos ou triunfos deportivos. Este premio, tal e como se especifica no artigo 5 das bases será votado polo público, non así os outros nos que será o xurado quen os decida.
  2. PREMIO CONCELLO DE ARTEIXO AO/Á MELLOR DEPORTISTA (MASCULINO E FEMENINO): Poderán presentarse á convocatoria desta categoría todos/todas aqueles/aquelas deportistas do municipio (naturais, empadroados, vinculados ou que vivan habitualmente en Arteixo) e que practiquen a súa disciplina deportiva en Arteixo ou nas súas localidades. Aqueles/aquelas deportistas que a título individual destacasen polos seus logros, éxitos, triunfos deportivos ou por méritos que o xurado considere que lle fan acredor do galardón.

Os/As finalistas de cada unha das categorías poderanse ver na página web do evento.  Ata o momento da Gala non se comunicará por ningún dos medios a/o gañadora/gañador do premio .

ARTIGO 4. – MENCIÓNS ESPECIAIS

O Xurado poderá conceder o premio a título individual ou colectivo a aquelas persoas ou entidades que levasen a cabo un labor ou liña de actuación, dentro do ámbito deportivo municipal ou nacional, digna de ser resaltada ou destacada. Non é condición indispensable que sexan deportistas, senón que estean ou estivesen relacionados co mundo do deporte en Arteixo.

Poderán optar ás mesmas tanto deportistas individuais como equipos, seccións, clubs, directivos, técnicos, árbitros, xornalistas, empresas ou institucións patrocinadoras ou calquera outro estamento relacionado co mundo do deporte que acreditase pola súa valía ou polo seu labor de apoio, ser merecedor do devandito galardón e que por unha ou outra razón non estean entre as nomeadas aos distintos premios. Haberá tantas mencións como o Xurado considere oportuno.

ARTIGO 5.- REGULAMENTACIÓN

  • O ámbito de participación será o Municipio de Arteixo, A Coruña.
  • As presentes bases serán publicadas na páxina web www.galadodeportedearteixo.com.
  • Está habilitada a dirección de correo electrónico galadodeportedearteixo@gmail.com para a resolución de dúbidas e consultas referentes ao evento
  • A convocatoria enviarase aos Clubs, Asociacións e Entidades Deportivas do Municipio, co fin de que sexan eles os que fagan a proposta de candidatos. Tamén poderán os propios Clubs, Asociacións e Entidades Deportivas enviar a súa convocatoria a través da páxina web do evento www.galadodeportedearteixo.com, na que haberá un apartado único e exclusivo para este tema.
  • As candidaturas deberán presentarse ata o venres 8 de novembro exclusivamente na páxina web galadodeportedearteixo.com. Non se admitirá ningunha candidatura fora do prazo.
  • Toda candidatura asume as normas de participación así como a aceptación do proceso e o veredicto final do xurado.
  • Os premios serán de libre presentación (directamente ou a proposta de calquera entidade), co que calquera persoa ou entidade poderase presentar libremente, debendo cumprir os criterios e presentar a candidatura correspondente, presentando toda a documentación que consideren conveniente acreditativa dos méritos deportivos que alegan na categoría deportiva que se presentan.
  • Para a elección dos ganadores de cada categoría (excepto no PREMIO AO/ Á DEPORTISTA MÁIS QUERIDO/A), será nomeado un xurado que será formado por dous ou tres representantes do ámbito do deporte e un funcionario do Servizo Municipal de Deportes do Concello de Arteixo ou, no seu defecto, a persoa na que delegue, que actuará como secretario do xurado.
  • O Xurado avaliará os méritos obtidos durante a tempada 2018/2019 de cada candidatura.
  • No caso de que un membro do xurado teña unha vinculación directa con calquera das candidaturas presentadas, absterase de participar na deliberación e no razoamento desta, así como de exercer o seu dereito a voto.
  • O procedemento de elección será o seguinte: por cada modalidade de premio, cada membro do xurado deberá encher unha papeleta onde seleccionará 5 candidatos (de entre todas as candidaturas presentadas) segundo os seus méritos e deberá asignar a estes un, dous, tres, catro e cinco puntos. Os tres máis votados serán os finalistas. A candidatura con maior puntuación será a gañadora. En caso de empate en calquera dos tres primeiros postos de cada modalidade, realizarase unha nova votación para as candidaturas igualadas. En caso de persistir o empate prevalecerá o voto de calidade do secretario do xurado.
  • Levantarase unha acta do escrutinio dos premios, facéndose público ao final da reunión só o nome dos 3 finalistas de cada modalidade.
  • Os nomes dos premiados daranse a coñecer publicamente durante a gala, onde se realizará a entrega dos premios, debendo acudir todos os candidatos á celebración da gala co obxecto de coñecer o veredicto do xurado.
  • O público vai poder votar a través da páxina web do evento ao/á deportista que considere merecedor do Premio ao/á deportista máis querido/a. De todas as candidaturas que se presentan, o xurado votará as que considere as cinco mellores, para así facer a votación máis doada. Na páxina web, o público poderá votar entre os/as cinco candidatos/candidatas finais. O/A gañador/gañadora será o/a que máis votos acade, sendo o público o que decida o/a  gañador/gañadora
  • O Secretario do xurado encargarase de redactar a acta final, onde se especificarán os méritos que concorren en cada unha das modalidades dos premios, debendo asinar a mesma xunto resto de membros do xurado
  • O resultado final será inapelable.
  • A entrega dos premios realizarase durante o transcurso da Gala do Deporte de Arteixo, a celebrar no Pazo dos Deportes de Arteixo o 22 de novembro de 2019 ás 20.00 h
  • Todo aquilo non previsto nestas bases será resolto polo Xurado.
  • O Xurado poderá declarar deserto un Premio se as persoas ou entidades propostas non alcanzasen, ao seu xuízo, o nivel deportivo suficiente.
  • O Xurado non terá ningún tipo de control nin valor no PREMIO AO/ Á DEPORTISTA MÁIS QUERIDO/A. É o público a través das votacións o que decide o gañador desa categoría. Terán para elixir 5 candidatos e de todos eles elixirán a unha candidatura gañadora da mesma. As votacións terán que facerse a través da páxina web creada única e exclusivamente para este evento
  • A participación nestes premios supón a aceptación expresa das presentes bases.
  • As RRSS estarán moi presentes nestes premios. A gala contará cunha conta en Instagram e en Facebook onde se publicarán todas as novidades.
  • Cada Club, Asociacións e Entidades Deportivas do Municipio, contarán cun máximo de invitacións establecido segundo o número de integrantes que sexan en cada caso.

O obxectivo principal é incentivar e mostrar á xente os beneficios do deporte dun xeito diferente e divertido.

ARTIGO 6.- XURADO

O xurado estará composto por:

  • Dous ou tres representantes do ámbito do deporte.
  • Un funcionario do Servizo Municipal de Deportes do Concello de Arteixo ou, no seu defecto, a persoa na que delegue, que actuará como secretario do xurado

A decisión do xurado será inapelable.

ARTIGO 7.- CALENDARIO

  • Fase de recepción das candidaturas: desde a data das bases no BOP ata o venres 8 de novembro
  • Fase de reunión do xurado: 12 de novembro
  • Fase de publicación dos finalistas: 15 de novembro
  • Celebración da Gala do Deporte: 22 de Novembro de 2019 ás 20.00 h no Pazo dos Deportes